Google+

Alimentar ó monstruo da IA das plantillas.

Teño referido que boto en falla proxectos que traten de emprega-la IA para a adecuación das plantillas do sistema de saúde (e as súas intervencions) ás necesidades da sociedade á que atendemos.

É certo que sen unha ENORME masa de datos un sistema de aprendizaxe profundo non vai ser quen de chegar a ren. Así as IAs que poden analiza-las mamografías e atopar lesións precanceríxenas o acadan grazas a ter sido nutridas con MILLEIROS de mamografías informadas e cos datos da evolución de cada unha das mulleres ás que se lle fixeron e que os seus "adestradores" revisaron (e publicaron) os resultados que estes modelos informaban en novas mamografías para "afinar" o producto.

Ese esforzo de xunta-los datos, refinalos, formatealos e pasalos polo modelo e logo darlle novas mamografías e revisa-los informes que a IA fai delas semella só ó alcance dun potente musculo financieiro e industrial. Un músculo que só se movería polo interés dos beneficios crematísticos a futuro... nada que ver cos beneficios para as persoas e a sociedade cos que envolven as súas presentacions ós directivos de saúde.

Hai estudos sobre os efectos dos distintos niveis de plantillas de enfermeiras e os resultados en saúde? Si, sen ir mais lonxe en Europa o estudo RN4CAST, un estudo financiado pola UE con case 3 millons de euros cuxos datos ben poderían formatearse para servir de primeira papilla dunha IA que axude a adptar plantillas a necesidades... outra cousa é que todos os actores estemos interesados nelo. Tanto os xestores á hora de ter que reforzar plantillas como os grupos profesionais á hora de verse movilizados de áreas/servizos con menor presión asistencial cara a outras sobresaturadas... 

E cómo adestrar a unha IA para axeita-las plantillas nas tarefas de prevención? Hai estudos sobre elo? Hai evidencias que indican qué tarefas de prevención se deben levar a cabo en grupos de poboación concretos, e tamén hai "estimacions" de tempos de realización desas tarefas. Na entrada referida ó principio quixen transmitir o meu desexo de que unha IA fixera o cálculo da correlación entre o que se pide e a plantilla...

Por exemplo; este ano pídese no programa de obxectivos "realización de ECG" a tódolos maiores de 65 anos. No meu cupo son 341 e vexo posible facer os electros a todos sobor de todo se non hai que adicar tempo a chamalos (un día temos de falar da cantidade de "subproducción" que representan as chamadas perdidas). 

O que non sei si se estimou é o tempo de interpreta-los e de poñelos en relación con anteriores ECG (e o tempo que leva buscalos nos arquivos de papel) e logo está a resolución dos riscos detectados e arquiva-lo ECG (dixitalizado e en papel). En fin, que algo que semella sinxelo e sen impliacions acaba sendo utópico cando se xeneraliza porque sen un mapa dos procesos e os tempos de cada etapa se perde a perspectiva.

Pode unha IA "mapear" un proceso? Comprende-las súas implicacions para non cometer erros no cálculo ou se convertirá unha volta mais nunha "arma de destrucción matemática"?



Coidando coidar

As institucións, asociacións, académic@s e tódala literatura dende ó menos 1990 din que as enfermeiras somos as profesionais dos coidados mais, de que coidados?

Os coidados profesionais.

U-lo o límite entre o campo dos coidados profesionais e os coidados "informais"?, e mais importante: U-lo límite co autocoidado?

No derradeiro número de REIS saía o artigo "Estrategias de cuidado infantil de 0 a 3 años en España"(1) evidentemente este título é como un capote para min e lle outorguei o privilexio de pasar dos 8 segundos de atención mais non topei esa fronteira debuxada e iso que se distingue entre os coidados "informais" dos avós e a "provisión de servicios de cuidado" ben por institucions públicas ou privadas ben "por población inmigrante".

Comprendo que como o exemplo está sacado de contexto e pode que non se entenda mais Acaso non acontece algo semellante nos entornos de coidados? Cantas veces deixamos que se cubran necesidades de pacientes ó cargo das equipas profesionais por familiares e "provedores de servizos"? Ou cecais pensamos que iso non é coidar? ou é que non están eses coidados básicos na "carteira de servizos"?

Son consciente de que se trata dunha arma de dobre fío que vai pola beira da integral dos coidados, xusto polo borde no que compensamos as "cargas de traballo" cos posibles resultados marxinais en aprendizaxe para o autocoidado ou os coidados no fogar ó alta; incluso para que o núcleo de toma de decisións sexa consciente da situación da persoa enferma e se prepare en consecuencia.

A coidadoloxía(2) non pode deixar fora do seu campo de estudo estas manifestacions deso que interiorizamos como tan humano (pero que abonda na natureza) porque en calquer intre un déficit nesa esfera "de fora"(3) orixina problemas "dentro" do que as nosas institucions nos dín que temos que coidar.

Cando estás nunha consulta de atención primaria escomenzas a comprender que o de "holístico" vai mais aló da persoa e que hai un tremendo déficit cando coidamos coidar ollando só á persoa que temos diante.

Así que engadimos esas esferas psicosociais, afectivas, ambientais... ós "coidados perdidos" Ou?.

BIBLIOGRAFÍA

1) Juni M, Treviño R, Lanau A, Esteve A. Estrategias de cuidado infantil de 0 a 3 años en España. REIS [Internet]. 1 de xullo de 2024 [citado 6 de xullo de 2024];(187):87-106. Dispoñible en: https://reis.cis.es/index.php/reis/article/view/2367

2) Ruymán Brito Brito Pedro. Cuidadología: pensamientos sobre el nombre de nuestra disciplina. Revista Ene de enfermería.  [Internet]. 2017  [citado 6 de xullo de 2024] ;  11( 2 ). Dispoñible en: http://scielo.isciii.es/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1988-348X2017000200002&lng=es

3)  Ruymán Brito Brito Pedro et al. El cuestionario para el Diagnóstico enfermero psico-social, CdePS. Qué es y cómo se utiliza. Revista Ene de Enfermería [Internet]. 26 de octubre de 2012 [citado 6 de xullo de 2024];6(2):11-23. Dispoñible en: http://ene-enfermeria.org/ojs/index.php/ENE/article/view/15 

Notas:

a) Advertencia @s lector@s non galegofalantes; "coidar" en galego ten como acepción principal "Ter a idea, opinión ou sospeita de [aquilo que se expresa]" polo tanto o título da entrada viría a ser "Crendo que se coida" ou, indo un chisco mais aló, "Desexando coidar".

b) Cústame moito escribir entradas no blogue porque sego a arrastra-la decepción de 2021 e sei que se vai transmitir no que escriba e que non vai a estar á altura do que escribía antes; ademais dende que penso no blogue como unha publicación deixo demasiado tempo tratando de obter referencias.