Google+

Coidando coidar

As institucións, asociacións, académic@s e tódala literatura dende ó menos 1990 din que as enfermeiras somos as profesionais dos coidados mais, de que coidados?

Os coidados profesionais.

U-lo o límite entre o campo dos coidados profesionais e os coidados "informais"?, e mais importante: U-lo límite co autocoidado?

No derradeiro número de REIS saía o artigo "Estrategias de cuidado infantil de 0 a 3 años en España"(1) evidentemente este título é como un capote para min e lle outorguei o privilexio de pasar dos 8 segundos de atención mais non topei esa fronteira debuxada e iso que se distingue entre os coidados "informais" dos avós e a "provisión de servicios de cuidado" ben por institucions públicas ou privadas ben "por población inmigrante".

Comprendo que como o exemplo está sacado de contexto e pode que non se entenda mais Acaso non acontece algo semellante nos entornos de coidados? Cantas veces deixamos que se cubran necesidades de pacientes ó cargo das equipas profesionais por familiares e "provedores de servizos"? Ou cecais pensamos que iso non é coidar? ou é que non están eses coidados básicos na "carteira de servizos"?

Son consciente de que se trata dunha arma de dobre fío que vai pola beira da integral dos coidados, xusto polo borde no que compensamos as "cargas de traballo" cos posibles resultados marxinais en aprendizaxe para o autocoidado ou os coidados no fogar ó alta; incluso para que o núcleo de toma de decisións sexa consciente da situación da persoa enferma e se prepare en consecuencia.

A coidadoloxía(2) non pode deixar fora do seu campo de estudo estas manifestacions deso que interiorizamos como tan humano (pero que abonda na natureza) porque en calquer intre un déficit nesa esfera "de fora"(3) orixina problemas "dentro" do que as nosas institucions nos dín que temos que coidar.

Cando estás nunha consulta de atención primaria escomenzas a comprender que o de "holístico" vai mais aló da persoa e que hai un tremendo déficit cando coidamos coidar ollando só á persoa que temos diante.

Así que engadimos esas esferas psicosociais, afectivas, ambientais... ós "coidados perdidos" Ou?.

BIBLIOGRAFÍA

1) Juni M, Treviño R, Lanau A, Esteve A. Estrategias de cuidado infantil de 0 a 3 años en España. REIS [Internet]. 1 de xullo de 2024 [citado 6 de xullo de 2024];(187):87-106. Dispoñible en: https://reis.cis.es/index.php/reis/article/view/2367

2) Ruymán Brito Brito Pedro. Cuidadología: pensamientos sobre el nombre de nuestra disciplina. Revista Ene de enfermería.  [Internet]. 2017  [citado 6 de xullo de 2024] ;  11( 2 ). Dispoñible en: http://scielo.isciii.es/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1988-348X2017000200002&lng=es

3)  Ruymán Brito Brito Pedro et al. El cuestionario para el Diagnóstico enfermero psico-social, CdePS. Qué es y cómo se utiliza. Revista Ene de Enfermería [Internet]. 26 de octubre de 2012 [citado 6 de xullo de 2024];6(2):11-23. Dispoñible en: http://ene-enfermeria.org/ojs/index.php/ENE/article/view/15 

Notas:

a) Advertencia @s lector@s non galegofalantes; "coidar" en galego ten como acepción principal "Ter a idea, opinión ou sospeita de [aquilo que se expresa]" polo tanto o título da entrada viría a ser "Crendo que se coida" ou, indo un chisco mais aló, "Desexando coidar".

b) Cústame moito escribir entradas no blogue porque sego a arrastra-la decepción de 2021 e sei que se vai transmitir no que escriba e que non vai a estar á altura do que escribía antes; ademais dende que penso no blogue como unha publicación deixo demasiado tempo tratando de obter referencias.