Google+
Amosando publicacións coa etiqueta NeoXestión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta NeoXestión. Amosar todas as publicacións

O complexo dun concepto

Dándolle voltas ó tema da 'liquidación' das fundacións en Galicia e á miña teima de que non se ten feito unha análise seria das vantaxes e problemas de xestiona-la sanidade pública con criterios estritos lembrei un artigo do NY Times (What if medical care came with 90-day warranty?) no que se fala de algo que, como consumidores de produtos damos por suposto mais que como receptores de servizos non tanto...

Diredes que no noso medio este tipo de empeños non teñen lugar e poredes enriba da mesa o manido argumento de que o provedor e o pagador da 'factura' son o mesmo; erro. A sanidade privada está a medrar por riba do que medra a economía xeral e non só polo impulso que lle dá a concertación co seguro público (froito da incapacidade da sanidade pública para atende-la súa demanda= listas de espera) senón tamén de que, en consonancia coa filosofía imperante da beleza e do incremento do poder adquisitivo, cada día son mais os cidadáns que acuden á sanidade privada ben pola súa conta, ben pola conta de seguros privados ou das contraditorias mutualidades.

Por qué me chama a atención o que dí o artigo do NY Times? Porque ese tipo de garantías tan evidentes NON se aplica nin alí, reino da sanidade privada, nin aquí. ¿E que pasa si a atención sanitaria ven cunha garantía de 90 días?; pois que pode que este SI fose un bó argumento para "externalizar". Non sei si hai datos sobre elo, mais si sei que hai exemplos abondo e que, a comparación non se resiste.

Un doente que ten unha hernia, unha colecistite, un problema no menisco dun xoenllo ten DEMASIADO tempo de espera nos hospitais públicos; e o "demasiado" non o digo tanto dende o punto de vista humano (que tamén) senón que me aproximo mais ó concepto "Bismark" da sanidade pública (aquel que di que o sistema está para que a forza de laboral perda o menor tempo de traballo por mor da enfermidade). Así que o pagador público autoriza a realización da intervención nun centro privado que a fará con moita menos espera (un terzo que no SNS) e coa garantía do sistema público... ¿que acontece si algo vai mal?. Pois que a atención posterior do doente volta ó campo da sanidade pública.

Ten isto pois unha triple perversión: Por unha banda é ben coñecido e aceptado que os centros privados que participan nestes programas 'seleccionan' ós doentes que, segundo os criterios técnicos, teñen menos probabilidade de padeceren problemas "na mesa" (ASA I e II), por outra a sanidade pública vé como se incrementa (ainda mais) a complexidade dos casos a tratar nos seus centros co que a estancia media dos doentes aumenta e, polo tanto se poderá intervir a menos doentes incrementándose o tempo/cantidade da lista de espera e os recursos da sanidade pública farán de garantía dos casos que non vaian ben nos programas de 'externalización' co resultado final de mais lista de espera. E quero que se entenda ben; NON digo que nesas intervencions externalizadas existan mais complicacions ou problemas respecto a ningún referente; é mais, ben seguro que hai menos. O que afirmo é que as que hai se engaden ó emprego dos recursos públicos e que, soa extrano dende o punto de vista dun "comprador" de servizos.

Pode que a nova lei de contratación pública diga algo sobre elo; e sería bó seguir teimando nos métodos de control do gasto na xestión da sanidade pública para evitar que unha situación insostible nos achegue a problemas inéditos como os que teñen os chinos.

Indignante doble vara

O 12 de Maio foi o día da enfermería e tamén foi o día dos exames da OPE para Enfermeir@ do Servizo Galego de Saude. Poucos días antes o consello da xunta aprobara o decreto marco para a integración das fundacións sanitarias (Publicado no DOG de hoxe) como demostración do cumprimento dun compromiso político non só dos partidos de goberno senon tamén dos sindicatos da sanidade que dende hai 13 anos se viñan opondo a este tipo de xestión da sanidade pública... mais todo é segundo a cor do cristal co que se mire.
Se hai 13 anos aquelas probas psicotécnicas foran tildadas de estafa polos sindicatos e os partidos que daquela estaban na oposición eu hoxe digo en voz alta que mais estafa é facer exames de oposición para as fundacións (Barbanza e 061) na misma data que as do SERGAS e co decreto de integración xa aprobado na recámara. Foron, de feito, oposicions a persoal estatutario encubertas i escondidas con alevosía. Ninguén poderá dicir que non se sabía que as persoas que aprobasen eses procesos non pasarían a estatutarios cando se materialice o proceso de integración neses centros... e mais, ¿e si os procesos son paralizados agora por un tribunal? ¿quedaría paralizada a integración ata que se resolvesen os litixios?. Son gañas de facelo MAL. Si se inicia un proceso de reconversión como este o mais natural é paraliza-los procesos selectivos dos centros afectados ata acadar un acordo e, si se chega a él, declarar nulos os procesos e devolve-las taxas.

Eis outra de Opereta desta volta a cargo do "progresismo" en toda a súa extensión (partidos e sindicatos) que tanto protestaban contra o enchufismo das fundacions e agora as ofrecen como 'porta traseira' baixo a apariencia dun proceso selectivo pechado e alevoso.

Indignación exelente

Hoxe non foi moi bó día. Mentres os obreiros botaban 'a leitada' nos faciamo-lo paripé con 5 cousiñas e 50 agardaban un sitio digno no que pasar a súa doenza, ¿cantos agardan na casa un tratamento esperanzador?...

Estabamos tentando distrae-la mañan coas xergas idiomáticas própias da situación cando entrou un xefe cunha carta. Tratábase dunha comunicación persoalizada a cada anestesista (supomos que lle foi dirixida a tódolos facultativos) na que se comunicaba a concesión do selo da Execelencia Europea no nivel 401-500 (o 2º de 3) por mor da evaluación que se fixo do sistema de xestión segundo o modelo da EFQM.

Saltou a indignación, e o mais sinxelo que se dixo foi: ¿e qué miran os que tal cousa certifican?. Papeis e un ou dous items escollidos ó chou. Así que temos unha boa ferramenta que non escoita a ningúen ou ninguén escoita o que dí a ferramenta de xestión... porque nalgun sitio estará a "retroalimentación", non?. Supoño que con face-la enquisa de ambiente laboral e por carteis solicitando voluntarios para un comité de mellora da comunicación se empeza, mais vai todo tAAAAAAAAAAn a modo.

Duas estreliñas a 14.300 € son 7.150 € por estreliña... haberase que esforzar por acada-la terceira para reduci-lo custe por estrela e sermos mais eficientes; ou non era esto a eficiencia?, non sei, estou feito un lío e mentres a xente segue agardando, que a escoiten, que a atendan que...

Edición 12/2/2007

A carta foinos enviada a tódolos traballadores, incluso ós recen ingresados. O efecto: o mesmo. Custa creer nun certificado deste tipo cando "sobre o terreo" a situación semella de 'guerra' e non se acadan nen os mínimos de dignidade para os doentes.

A elección

Cando hai 15 anos se escomenzou a falar en España de implantar reformas similares ás do NHS unha das frases mais repetidas era a da "separación de aseguramento e prestación da asistencia sanitaria" con elo se pretendía que introducir certa competencia entre os centros sanitarios para captar clientes obligaríaos a se preocupar polos resultados en saude e pola calidade das súas prestacions.

Un dos argumentos mais empregados para oporse a este plantexamento ven da própia natureza da asistencia sanitaria como "servizo do coñecemento" no que un experto fai polo cliente cousas que el non podería facer baseandose na súa formación e na información que só el pode manexar mercede ós seus coñecementos. Todo esto daba como resultado que ós clientes puidesen ser enganados á hora de elexir o centro no que recibi-la asistencia por mor de centrarse en aspectos non esenciais do servizo sanitario (normalmente aspectos hosteleiros) agás do peso que ten a proximidade e o coñecemento por terceiros do servizo prestado.

No medio "administrativo" da sanidade habitual é moi frecuente que exista confusión entre os parámetros do xa mencionado "servizo do coñecemento" e o dereito do doente a elexir que ten como resultado que doentes que queren ser atendidos nun centro (polas razóns que sexan) son mirados 'mal' por parte do persoal do centro en cuestión, sendo frecuente a frase: "a vostede NON lle corresponde este centro".

Dende eses 15 anos naceron en España as "Novas formas de xestión" e no R.U. os "trust" de atención hospitalaria mais nada eiqui e pouco alá se fixo no que respecta a reforza-lo dereito a elexir do doente.

Porque non se respostaran certas cuestións fundamentais antes de botarse a ese camiño... cuestións que teñen que ver coa toma de decisión informada e libre da que tantas veces oimos falar noutro tipo de servizos.

Unha elección pode plantexarse como unha comparación e para comparar compre termos información dos elementos verdadeiramente relevantes a enxuizar, información veraz e plantexada e medida en termos similares. Entón faltabanos e ainda nos falta definir con claridade que información da própia asistencia sanitaria é relevante para a toma de decisions dos doentes, que información pode ser relevante mais NON está directamente relacionada co resultado asistencial da prestación sanitaria e que información e superflua e só crea confusión. Mais adiante compre definir con precisión ó xeito no que se debe apresentar esa información ós doentes percurando que se adapte a un nivel medio de coñecementos e que teña unha linguaxe sinxela...
Mais ainda non remata ahí todo, a entidade aseguradora (quen paga a prestación) debe definir i esixir certa homoxeneidade nos sistemas de información tanto externos como internos dos centros que con ela traballen co fin de asegurar a comparabilidade dos datos que ten que ir mais aló da forma de presentación, mantendo certa homexeneidade nas fontes da información (historias clinicas, cadros de mando, informes de resultados adversos, cultivos de laboratoiro etc.) e na periodicidade das mesmas tentando evita-los sesgos que os "malabaristas da estatistica" saben introducir co fin de 'maquillar' datos non apropiados. É a entidade aseguradora a que deberá respostar da fiabilidade da información que brinde ós seus clientes á hora de elexires o centro no que vai ser atendido.

Así o entendeu o goberno británico e o NHS co seu programa "choosing your hospital". En España a fragamentación do SNS non ten porqué impedir este tipo dereitos xa que non é preciso troca-la estructura administrativa dos centros para que estes teñan certas obrigas á hora de "captar" clientes. Xa se tentou cos 'contratos-programa' percurando ligar realmente a actividade asistencial con parte da asignación presupuestaria dos centros e algunhas comunidades xa introduciron timidamente (só para patoloxías cirúrxicas con esperas longas p. Ex.) a opción do doente de elexir non só entre a asistencia nun centro público e un privado senon tamén entre diversos centros públicos.

Mais aparte das medidas que incentiven ós centros a esa 'captación' de clientes deben estar as medidas que ofrezan ós usuarios a información relevante para realizar esa elección de xeito responsable. O goberno británico está a reforzar este eido, mais eiquí non exite unha información moi homoxenea nen tan sequer no tema do tempo de espera e moito menos si que que quixeramos fose comparar os "resultados en saude" ou os 'efectos adversos' da asistencia que presta cada centro público ou privado.

A falta de esa homoxenización dos datos, o oscurantismo, a falta de accesibilidade ós mesmos e o descoñecemento de por parte nosa (dos profesionais) de certos procedementos á hora de notificar complicacions/eventos na asistencia sanitaria fan moi dificil que, polo de agora, se poda falar dun dereito á "elección responsable" por parte dos usuarios do SNS.

É a PFI a solución?

Como hai 10 anos coas figuras mixtas (fundacions, consorcios etc.) o debate meramente técnico economicista impera na toma de decisions estratéxicas sobre a sanidade deixando fora non só ós colectivos profesionais senon ós beneficiarios e financiadores reais do sistema: A poboación.

Non me teño caracterizado por seren un defensor do públicamente público reivindicando para min o papel de 'guia e salvaguarda' dos pobres doentes que non saben o que lles ven enrriba e menos me teño caracterizado por ser o defensor da "libre empresa" que reivindica que aqueles que o desexen gañen mais por prestaren os servizos sanitarios públicos de xeito privado... O que coido manter é a necesidade dun debate público sobre que sistema sanitario quere a poboación pagarse e que tipo de empresa quere que lle preste os servizos.

Como daquela as mentes pensantes do sistema sanitario seguen a estela do mundo anglosaxón e, polo tanto, os seus erros.

A PFI (Iniciativa de financiamento privado) xurdiu no Reino Unido baixo o goberno conservador de John Major como xeito de conquerir asocia-lo financiamento privado á prestación de servizos públicos (sobor de todo os que precisan grandes investimentos en infraestructuras) e que ven sendo promovido pola Organización Mundial do Comercio, o fondo monetario internacional e o banco mundial (vamos, o neoliberalismo). Foi logo adoptado i expandido na sanidade polos gobernos laboristas de Tony Blair a pesares do debate sobor das súas perversions e os problemas de "endebedamento encuberto" que acarrea.

No eido da sanidade en España un dos "think tank" que mais forte aposta por este xeito de xestión é a fundación signo (encabezada polo Profesor Barea) que fala del na súa revista "Gestión y Evaluación de costes sanitarios nº4-vol 6 2005" como un xeito de 'transferencia do risco' dende a administración cara a iniciativa privada. Esta construe o centro sanitario e provee todos ou case todoslos servizos non sanitarios segundo un complexo sistema de licitación e seguimento que tivo en España unha aparición estelar da man do criticado Hospital de la ribera (Alzira) que agora se fai cargo da atención sanitaria "integral" de tódala área de saúde nunha manobra de refinanciamento encuberto, e forma parte da aposta de Esperanza Aguirre en Madrid. Entre nós se atopa esta iniciativa na construcción do novo Hospital de Burgos no que vai incluido na licitación a construcción do hospital, o seu equipamento básico e o tecnolóxico incluindo o equipamento médico e o instrumental.

Como se pode apreciar trátase dun plantexamento metodolóxico moi adaptable mais tamén complexo e que ten como principal baza entre os técnicos da administración que o investimento non computa como débeda ainda que lastra de igual xeito ós presupostos futuros en forma de canon anual (e revisable) ou, o que pode ser peor, pago capitativo e/ou por actividade.

I é nesto onde ten a principal falla este modelo pois non se trata de un novo xeito de xestionar ou dunha implementación de eficacia ou eficiencia na prestación do servizo; iso se lle presupón mais non vai implícito mais que no aspecto financieiro.Como critica este documento (.PDF) da fundación alternativas publicado pola Gaceta médica.

Periodicamente a prestación sanitaria pública sufre e sufrirá crises de financiamento que sempre percuran solucions rápidas que alonxan irremisiblemente a práctica diaria da verdadeira responsabilidade no eido do gasto; a administración pasou de ter tantos o mais problemas na subministración de alimentos ós doentes (cociña) que na prestación sanitaria a estar "atada" a contratos de prestacions de servizos que, por forza, teñen que ser cada vez mais complexos de elaborar e controlar. Estes contratos xa extendidos en moitos sitios (non só en Alzira, a F. jimenez Diaz ou Villablino) á própia prestación da asisténcia sanitaria non implican unha mellor xestión, nen mais motivación, nen maior calidade. ¿porqué afirmo isto tan rotundamente? porque non coñezo ningun centro con contrato deste tipo que non tivese ó final problemas financieiros que precisasen a intervención da administración para enxugar déficits e permitir que se continuase a presta-los servizos.

Entroques, instrumentos de optimización de custes e de motivación e orientación dos profesionais cara á calidade e á eficiencia son pervertidos e desligados destes obxectivos facendo deles meros instrumentos de encubrir subas salariais.

As centrais de compras, a I+D+i, a participación responsabel na toma de decisións, a productividade varibel, a carreira profesional, a formación continuada que inclua 'microxestión'... Eran e son instrumentos válidos dentro dun sistema sanitario que, precisando reformas, segue a ter nos seus profesionais a súa principal arma e potencia.

Mais o que vexo peor é que realmente a poboación xeral non percibe que o modelo de sanidade se está a debatir e que o resultado a 5 anos vista pode ter unhas consecuencias financieiras que leven á necesidade de pagar todos por todo.

Non dubido de que a empresa privada pode ser mais eficiente para prestar certa parte do servizo sanitario que se caracteriza por ser masivo, mais tamén por ter un proceso coñecido e limitado (patoloxía aguda/cirúrxica de baixo "peso") pero o sector privado non fai caridade e non prima nel nin a universalidade, nin a accesibilidade e todos sabemos a donde acude a xente cando as cousas van realmente mal... Tampouco dubido de que non toda a atención sanitaria pode ser gratuita nen tódolos pensionistas e asimilados precisan que se lles financien totalmente os medicamanentos.

O problema é A POLITICA e o doado que resulta xogar "á contra" con estes temas.

Fracaso dun modelo?, fracaso dunha xestión?, ¿fracaso?

O pasado día 21 asinouse "por unanimidade" o acordo entre a administración autonómica e as forzas sindicais para senta-las bases da estatutarización do persoal das fundacións e empresas públicas sanitarias co que semella pecharse unha etapa na prestación de servizos sanitarios públicos empregando estas figuras para a xestión de centros públicos.

Mais, ¿está pechado o debate?; ¿pode a estructura pública tradicional pestar TODA a asisténcia sanitaria pública?. Non son eu un 'gurú' destes temas mais coido que se está a desperdiciar por dogmatismo un mecanismo que ben empregado podería ser de grande axuda á hora de dar prestacions en situacions "raianas" como a escaseza actual (e mais futura) de facultativos especialistas e o acceso a tecnoloxías e técnicas punteiras.
O certo é que se cumpre unha das premisas do programa de goberno bipartito sen ambaxes nen trampas fallando, cecais, dende o punto de vista "purista", unha explicación de porqué o persoal laboral é 'integrado' sen facer as mesmas oposicions que o resto dos estatutarios... (que oposicions se fan mais...) evitando, coido, gran repercusión presupuestaria e asistencial.

Impide este paso a privatización da sanidade?: NON; todo o contrario o sector público desarmase e volta a "pelaxar coas mans (mellor dito cos papeis)" contra a flexible e ben engraxada maquinaria da sanidade privada, moi concentrada ela en tódalas prestacions que ofrecen 'valor engadido' deixando para a EXCLUSIVIDADE o que non é rendible. Exemplo: o novo hospital de Vigo que ainda non é mais ca planos e permisos mentras POVISA segue ampliando as súas intalacions. Outro caso é a puxanza dos servizos de Dialise, diagnose por imaxe e ciruxía maior ambulatoria nas que o sector público SI se rende ó privado. ¿U-los salva patrias da PDSP para por en albo o emprego masivo de medios privados para a disminución das esperas na sanidade pública? mentres temos hospitais con PLANTAS enteiras pechadas non só no verán senón todo o ano... de risa.

Os recursos das fundacions son públicos, as directrices e os cargos xestores públicos son só que se submeten o poder de inspección 'a posteriori' e para iguala-lo réxime laboral dos empregados non faria falla liquida-lo "invento". O que lamento profundamente é a falla de debate, de datos reais e SOBOR DE TODO a falla de petición de responsabilidade polas vias correspondentes si, en verdade, se pode demostrar calquera das acusacións que se fan e fixeron.

A conto de esto ven esta nova de hoxe na que se pode apreciar como o 'gañador' é o "modelo Alzira" tan fortemente defenestrado mais cada volta mais extendido; unha auténtica "externalización completa" da atención sanitaria.

Lóxica agora

Tras meses de "situación límite" que teñen provocado xestos 'politicamente incorrectos' de demisión o certo é que a lóxica se fai ver (algo) e a administración sanitária se escomenza a comportar como a empresa que dí ser.

Nesta nova lemos como se implementa a medida "salvavidas" de traer especialistas de Argentina e México; non é unha novidade en sí mesma (e mais no HCV) mais si semella que algunha cousa ten trocado no xeito de facelo. A mesma nova relata algo mais interesante; que o SERGAS vai a implantar unha verdadeira carreira profesional ainda que só en certas especialidades. A afirmación de que
"El Servicio Galego de Saúde (Sergas) aplicará medidas de “discriminación positiva" a favor de los hospitales comarcales para solucionar la falta de especialistas" e "El Sergas estableció que los hospitales provinciales no podrán contratar profesionales de las citadas especialidades si hay plazas vacantes en los comarcales. Además, los especialistas de estas áreas deberán pasar por uno de estos últimos centros hospitalarios para acceder a una plaza fija de la administración sanitaria"
É o mais semellante a unha carreira profesional que teño ouvido. Agora a ver como o implementan 'blanco sobre negro' no DOGA e, sobor de todo, a ver como pasan este 'trágala' os xefes de servizo dos centros galegos que forman MIR's e os Sindicatos (en especial os de clase); é de desexar que se estableza un "diálogo de argumentos" para dar cunha solución a este problema.

Falando de solución; das medidas presentadas pola consellería outra delas
los contratos que se les ofrecen ahora serán casi fijos
ven a da-la razón a os que reclamaban un trato laboral acorde co que acontecía a nivel oferta-demanda. Das outras solucions posibles: Complementos económicos, Equipas móbiles (usando a cláusula de movilidade do estatuto marco), Beneficios socio-laborais (mais libranzas para vacacions e/ou formación)... non se dí ren, pero seguro que están na lista de "planos 'B'".

Central de compras

Outra das medidas de 'lóxica de mercado' coa que ten xogado escasamente administración sanitária é a de implementar centrais de compras; trátase, sen dúbida, de unha das modas no SNS e como toda moda ten o risco de fracasaren por execeso.
O certo é que realiza-lo volume de compra de tódolo servizo de saude por un único centro pode ter importántes vantaxes a nivel de prezos e de servizo dos proveedores mais hai que ter en conta moitas cousas: Alguns dos Items cos que tratamos teñen que estar adaptados á aparataxe dos centros non á dos proveedores (esas bombas "prestadas" para que se lle merquen as equipas a prezos +/- escandalosos) o que pode levar a ter que mercar e trocar moita pequena aparataxe; Outros tipos de productos, en especial os medicamentos plantexan o gravísimo problema da "liberdade de prescripción" que si ben en alguns centros se vai solventando co recurso ó emprego da prescripción de principios activos non deixa de estar exento de polémica. Agora entrarán en xogo os farmaceuticos que reclamarán tamén esa liberdade para eles. Mais, a administración debe de coidarse de non cargarse cos custos de almacenaxe e distribución dos stoks que vaia mercando, de outro xeito a rebaixa conquerida no prezo se verá diluida nestes novos gastos. Gústame a idea de facer esto paulatinamente; non está na información pública o cronograma do proxecto mais supoño que a fase de estudo dos catálogos, stoks etc. terá que estar caseque rematada e que a decisión política no canto dos mecanismos de implementación das compras tamén estará tomada.
É de supor que eses mecanismos contarán coa axuda dunha axencia de evaluación das tecnoloxías sanitárias (tamén a estatal AETS) e que se apoiará nos informes da AEMPS.

Para rematar non quero deixar pasar unha nova que ten dous feitos relevantes; por unha banda por primeira vez vexo á OCENF "tirarlle das orellas" a un cargo dun goberno do PP, por outra, a 'vitima' deste tiron de orellas pode por un kisko. Hai que ser hipócritas para falar de contratar enfermeir@s no extranxeiro mentres @s que estamos a formar deben marchar non xa para ter un traballo fixo, senon simplemente para traballar.

O anuncio do fracaso

A nova xurdiu onte á tarde (con errata de traductor incluida); chuzeina mais non podo (debo) deixala pasar sen mais tras tanto tempo e traballo tentando facer que se cumplise a teoría de algo que podía ser positivo para a sociedade e foi terxiversado e malempregado para facer política e outras escuras manobras.

A conselleira de Sanidade da Xunta de galiza anunciou a integración das fundacions sanitarias (só as que xestionan hospitais ou todas?) no sistema administrativo nunha conferéncia organizada en Madrid (curioso á meca actual da neoxestión) pola consultora PricewaterhouseCoopers.

O modélico modelo introducido (como ben lembra LaVoz) por Romay e Feijoo (deste nin pio) en 1993 e cuestionado polo tribunal de contas de Galicia en diversas ocasions toca retirada mais ben por compromiso político que por semellar peor (na atención sanitaria ou na 'rendabilidade' dos centros) de feito as críticas dende o P$&€ son mais ben escasas cecais tendo en conta que o mesmo modelo funciona no SAS e ten 40 anos de experiencias no ICS (a Xarxa de utilización pública).

O proceso de integración ven da anterior xunta que asinou un documento coas centrais para negocia-lo paso dos traballadores ó rexime estatutario i é neste aspecto onde se presenta ó único atranco pois o SERGAS pretende que o tempo traballado "no sería contabilizado, ni a nivel curricular ni como antigüedad" o cal, dende o meu punto de vista é incongruente pois o tempo traballado nas fundacions XA é recoñecido para a antiguidade no SNS e esas resolucions non se poden botar atras (¿ou si?). Eu coido que o que trata o SERGAS é pagar eses trienios (dende 1993 xa van 4) a "prezo SERGAS" e non ó 7% do soldo base que marcaba a lexislación baixo a que naceron os contratos de traballo de eses centros. Esta xa foi a pedra de toque do convenio único das fundacions (hai 3 ou 4 anos) que se resolveu cun sistema mixto; conxelando a antiguidade dos traballadores que cobraban por riba da antiguidade do SERGAS até que este chegara a ese nivel. Polo tanto a preocupación pola carreira profesional ainda que non vanal non debe se-lo principal obxecto de atención dos afectados.

Cluster que non Custer

I é que hai moita diferencia entre estar rodeado polos indios no pequeno corno ou aborda-los retos do futuro con sentidiño.

Non vexo con malos ollos a anunciada iniciativa da consellería de sanidade de crear clúster de saúde que:
estará formado polo conxunto de organismos, empresas e institucións que inflúen na saúde dos cidadáns, organismos oficiais, hospitais, centros de saúde, farmacias, centros académicos, empresas de equipamento sanitario, laboratorios farmacéuticos, sociedades científicas, asociacións de pacientes, etcétera
Non tiña eu dúbida de que polo medio andaría o "eterno conselleiro 'in pectore'" (será por onde se sitúa o corazón?) Alfonso Castro Beiras desta volta ó traveso -como non- dunha fundación: A fundación Bamberg formada polos "sectores da industria":
* Empresas de electromedicina y tecnologías sanitarias
* Fabricantes de hardware y productos de software de salud
* Compañías Farmacéuticas y de productos sanitarios
* Empresas de biotecnología y farmacogenómica
* Industria Alimentaria
Como son un ignorante mais algo precavido non vou caer na doada tentación de sinalar isto como un "quitacuartos"; mais ben vexo unha oportunidade de conquerir melloras en certos aspectos da saude e a sanidade (que van unidas, mais non son o mesmo) coa colaboración entre a industria, a administración, os usuarios (os grandes escondidos) e os proveedores privados.

Mais non quero deixar de sinalar que onde existe unha forte oportunidade de mellora na xestión dos custes e onde está a administración "rodeada polos indios" é no tema das compras... Sego sin entender porqué non se crea unha central de compras para ser mais fortes á hora de negociar prezos, prazos, calidade e garantías; as ameazas de curta-lo subministro por falla de pago son un medio mais de 'toca-los puntos sensibles' para manter o estado actual das cousas. Si os consumidores en xeral xa saben como facelo, ¿a qué agarda a administración?.

outra de Territorio enfermeiro

A novas como esta me refiro eu cando comento que a administración (influida-conformada-dominada por xente que ve na enfermería un perigo para os seus intereses mais ca unha oportunidade de ofretar servizos de calidade a custos razoables) non cree no valor engadido da multidisciplinariedade na atención sanitaria.

Compromiso vergoñento...

Xa fai 2 anos escribira eu sobor deste tema xusto denantes dos trenes da morte... naquela campaña electoral o tema pouco saira nos medios de in-comunicación social mais aló das nosas montañas...

Mais desta volta, nunha hábil manobra bastante ben artellada coido que dende dentro (incluso arríscome a dicir que dende o concello), a situación do Centro Socio-sanitario "valle de Laciana" foi posta en evidencia.

Como moitos outros investimentos do (ó meu entender) inxusto "plano do carbón" os cartos públicos (sen importar a súa orixe) foron empregados coa finalidade de facer propaganda política mais sen cumplir co seu verdadeiro obxectivo: Prestanen sevizos os cidadans.

Mágoa que ainda non están colgados os videos na páxina de "Proteste Ya¡" mais xa volos porei... Gonzo estivo xenial e, de paso, lle fixo publicidade a Leitariegos.

Das verbas do 'consejero' de sanidade eu deducín que se van decantar polo "modelo Alzira" de concesión administrativa (porque dixo 'licitación')... i é que non se escarmenta en cabeza allea... Falta de respeto á legalidade, Axendas de quita e pon, Maior endebedamento, Maior retraso no pago ós proveedores, maior endebedamento cos centros concertados. Mais non pensedes que só o SACyL vai tomar esta opción; xa sabiamos que as 8 "bromas de Espe" non tiñan outra via; mais alí o P$o€ recurriu... ¿farao eiquí tamén?.

Edición 9 de Marzo



CQC xa colgou a correspondente páxina co artigo e os vídeos (.WMF).

O cadro financieiro e a xestión enfermeira

Coa traida e levada reforma do estatuto de autonomía de cataluña virá, como xa se da por descontado (como na bolsa), unha nova reforma do sistema de financiamento. Os feitos son que guste ou non temos un estado federal no sanitario con un peso cada vez menor (no financieiro) do goberno central mais ainda con evidentes incoherencias... se hai 5 anos o xogo de "eu invito, paga Madrid" era a moda nas autonomías coa sanidade transferida hoxe está trocado i pode que sexa "Moncloa invita que pagan outros..." o cal é tan inmoral como o primeiro.

Sobor de todo esto veño de ler un post interesante no blog de José Repullo (Salud Pública en acción) sobor desta nova situación na que, por primeira vez, os gobernos autonómicos poden sentir o peso da responsabilidade. Certamente, como dí un dos comentários, semella unha fuxida cara adiante repartindo o "marrón" do infrafianaciamento en 17 mais pequenos; mais a esas escalas se verán mellor os resultados das medidas que se toman tanto no eido recadatorio coma no control das diversas compoñentes do gasto (sempre que se teña capacidade real sobor delo)... serán precisas outras reformas mais fondas para darlle algo de equilibrio a esto i esas reformas só poden sair EN CONXUNTO do consello interterritorial.

Na mentres cada quen se organiza como pode tanto na sanidade como na atención sociosanitaria (unha faceta do gasto ainda por ESTOURAR) e seguen a aparecer diversos modelos de xestión de centros, de implicación clínica na xestión etc. mais ¿quen avalia estas 'probas'?... os feitos: Hai experimentos que teñen data de caducidade mais ainda non se escoitou a ninguén explicar que é o que fallou.

E falando de implicación na xestión: Coido que por este eido os nosos "superiores representantes" (colexios e sindicatos profesionais) están a deixar un valeiro tremendo e están a desbotar unha oportunidade de IMPLICACIÓN REAL da enfermeiría nos resultados da atención sanitaria e sociosanitária; xa o feito de que a xestión e administración dos servizos de enfermeiría non conte cunha especialidade própia vai ser un obstáculo para a tan cacarexada 'profesionalización da xestión' (se cadra lle crean unha Área de Capacitación Específica mais ¿dentro de cal especialidade?); mais alarmante dende o meu punto de vista é que tódolos experimentos de implicación dos profesionais na xestión teñan a enfermeiría nun segundo termo ou simplemente coma un servizo auxiliar... Hai que toma-la iniciativa neste aspecto pondo en valor as capacidades de xestión da enfermeiría con respecto á loxistica dos recursos materiais, o seu axeitado manexo i emprego e ó aproveitamento de oportunidades de mellora. As capacidades de xestión no deseño e desenrolo dos circuitos que acheguen a atención sanitária a seren un feito único e non o paso por unha serie de "caixas negras" que semellan non se relacionar...